Saturday 18 de May de 2024

Este venres charla sobre educación afectivo-sexual no Museo do Traxe


O obxectivo é o de poder brindar ferramentas para empregar coa xente moza co fin de axudarlles no desenvolvemento, coñecemento e adquisición de habilidades para acadar unha saúde sexual baseada na igualdade, o respecto e a responsabilidade

O Concello de Ordes achega a campaña de sensibilización contra a violencia de xénero 2017-2018 Quen dixo medo? Trátase dun ciclo de charlas-coloquio sobre a educación afectivo-sexual dirixidas a Anpas, pais, nais, titores, titoras e persoas interesadas en xeral. Entre outros temas tratarase a anticoncepción; as infeccións de transmisión sexual; a orientación; así como a educación sobre aspectos afectivos, emocionais e sociais.

A cita terá lugar este venres, 21 de setembro dende as 18.30 ata as 20 horas no Museo do Traxe Juanjo Liñares. A persoa encargada de dirixir esta primeira sesión será o sexólogo e traballador social Alfredo Saborido.

Entre os principais obxectivos destacan o desenvolvemento de accións de sensibilización para a prevención da violencia de xénero; desmontar mitos e estereotipos en prol da responsabilidade social; visibilizar e informar para actuar eficazmente; fomentar o cambio de crenzas e actitudes para implicar a toda a poboación e dotala de mecanismos, coñecementos e habilidades precisas para detectar a violencia de xénero e actuar contundentemente; eliminar crenzas e prexuízos en torno á sexualidade; establecer claves e pautas para o diálogo sobre a sexualidade no interior do núcleo familiar; e traballar nunha ética social onde as relacións se baseen na igualdade, no respecto e na responsabilidade; abordar a diversidade sexual e de xénero.

Empregarase unha metodoloxía activa e participativa que involucre ao máximo ás persoas asistentes, a cal arrancará cunha exposición seguida posteriormente dun espazo de preguntas sobre o tema abordado.

Para ampliar a información pódese consultar a páxina www.qundixomedo.gal ou ben a través do seu Facebook. Tamén se dispón do teléfono 981576469. Esta campaña está organizada pola Deputación da Coruña e nela colabora o Concello de Ordes, quen ademais contou co apio do CIM da Mancomunidade.